Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Traballo Fin de Máster

O Traballo Fin de Máster (TFM) culmina o programa de Máster en Química Teórica e Modelización Computacional e consiste no deseño, planificación e desenvolvemento dun proxecto de investigación individual, independente, orixinal e relevante sobre algún problema relacionado coa Química Teórica ou a Modelización Computacional, e debe servir para que o estudantado amose nel os seus coñecementos, a súa solidez intelectual e as súas habilidades de presentación oral e escrita (en inglés).

O TFM, realizado nun centro de investigación, será titorizado ou dirixido por un profesor do título. Consta de 30 créditos ECTS e ten carácter obrigatorio. Levarase a cabo principalmente durante o 2º cuadrimestre do 2º curso do Máster.

A súa valoración será efectuada por un tribunal que avaliará a realización e defensa pública e oral do informe escrito sobre o traballo de investigación orixinal realizado polo estudante. Tanto no informe escrito como na defensa oral do TFM é obrigatorio o uso exclusivo da lingua inglesa. O tribunal de avaliación estará formado por 3 membros dos que polo menos 2 serán profesores do máster. A composición do tribunal comunicarase con antelación.

O estudante deberá entregar tres copias impresas e unha en formato pdf da memoria do seu TFM ao coordinador do máster da súa universidade. O tempo de exposición de cada TFM será establecido pola Comisión Académica do máster tras consultar co tribunal avaliador, con todo, a título orientativo este non será maior de 20 minutos. Tras a exposición, os membros do tribunal avaliador poderán facer ao candidato as observacións e/ou preguntas que consideren oportunas.

No momento da presentación do TFM o estudante deberá superar todos os créditos obrigatorios e optativos do máster.


Traballos Fin de Máster defendidos